Que visitar en Rianxo e arredores

Descubre Galicia con Parrillada Ourense

Un paseo por Rianxo nas inmediacións de Parrillada Ourense vainos permitir, en apenas hora e media, achegarnos a unha vila onde a impronta mariñeira, nas súas múltiples manifestacións, explica boa parte da vida e obra dos grandes intelectuais rianxeiros, cohesiona a súa cultura e as súas tradicións e apela o carácter e a hospitalidade dos seus habitantes, moldeados coa honestidade e a bravura que esixe o mar.

Capela de Nosa Señora de Guadalupe Casas dos escritores Praza de Rafael Dieste e Pazo de Martelo Zona portuaria e fachada marítima Paseo do Tanxil

Capela de Nosa Señora de Guadalupe

Capela de Nosa Señora de Guadalupe en Rianxo

Entrando na vila pola Praza de Castelao atopamos, á esquerda, na alameda, esta capela, levantada en 1561 por orden de Don Alonso Fernández Bastón, capitán e sarxento de toda a Ría de Arousa unha das personaxes máis poderosas do Rianxo de finais do s. XVI.

O santuario, construído polo mestre canteiro Bartolomé González sobre outro anterior, o da Nosa Señora da Cruz, acolle unha imaxe da Virxe de Guadalupe realizada no s. XVII, en cartón-pedra, polo relixioso rianxeiro Fray José de Santiago.

A Virxe de Guadalupe, de gran devoción entre os rianxeiros e rianxeiras (que tamén a denominan “A Virxe Moreniña”), preside as festas máis importantes de Rianxo, celebradas en setembro, e nas que destacan dous momentos especialmente emotivos: a procesión marítima, onde toda a flota acompaña á Virxe, erexida en capitana, pola ensenada de Rianxo; e a madrugada do derradeiro día de festas, onde todo o pobo, á luz de 80.000 bengalas, canta a “Rianxeira”, famosa canción composta nos anos 40 por dous emigrantes rianxeiros en Bos Aires.

Casas dos escritores

A Praza Castelao vai dar a tres rúas coñecidas como Rúa de Arriba (a máis estreita e humilde, pero con maior sabor antigo), a Rúa do Medio (na que se situaban as casas daquelas persoas con certa posición económica) e a Rúa de Abaixo, na que naceron ou viviron tres dos máis ilustres rianxeiros de tódolos tempos, tres das máximas figuras da intelectualidade, a política e as letras galegas contemporáneas: Castelao (1886-1950), ademais de pai do nacionalismo galego, ideólogo e recoñecido político, foi caricaturista, debuxante, pintor, escritor, autor de ensaios e teatral e etnógrafo, Manuel Antonio (1900-1930), foi un dos máximos exponentes da vangarda poética na literatura galega e universal, e Rafael Dieste (1899-1981) foi dramaturgo, poeta, narrador, autor de ensaios, crítico literario e de arte, periodista e editor.

Praza de Rafael Dieste e Pazo de Martelo

Da Rúa de Abaixo seguimos hacia a Praza de Rafael Dieste, onde nos atopamos co Pazo de Martelo, o máis interesante do concello. Aséntase sobre a torre medieval de Paio Gómez Chariño (s. XIV) destaca pola fermosura da fachada principal e, sobre todo, pola súa balconada corrida. Na actualidade é a sede da Biblioteca Pública e de diversos servizos educativos municipais.

No centro da praza atópase un fermoso cruceiro barroco, de longo e estilizado fuste, que aínda conserva restos de policromía. E, presidindo todo o conxunto, a Igrexa parroquial de Santa Comba (finais do século XV), na que se poden observar partes góticas, así como posteriores platerescos (porta principal) e barrocos (torre e retablo, datado éste no s. XVIII)

Zona portuaria e fachada marítima

Na zona portuaria atopamos a Capela de San Bartolomeu, orixinariamente situada nun illote que, tralos sucesivos recheos portuarios, foi incorporada a terra firme.

Dende o final do espigón portuario temos unha fermosa panorámica da fachada marítima de Rianxo e da Serra do Barbanza, así como das diferentes embarcacións que compoñen a flota rianxeira: bateeiros (barcos utilizados no cultivo do mexillón), pequenos barcos de cerco e botes de pesca artesanal e marisqueo, así como un pequeno grupo de barcos e botes tradicionais (entre os que destacan as Xeiteiras, embarcación típica de Rianxo).

Unha vez no porto, podemos percorrer o Paseo de Manuel Antonio (toda a facha marítima da vila) presidido, en terra, pola liña de xardíns e parterres, nos que se atopan os monumentos en honra de Castelao, Rafael Dieste, Manuel Antonio e Rosalía de Castro, desembocando no antigo porto de Setefogas.

Podemos tamén, dende o porto, continuar a liña de costa polo Parque Galicia (ampla zona axardinada con fontes e surtidores), camiñando hacia o final da zona portuaria e alí coller un pequeno e fermoso sendeiro que nos conducirá ata a Praia de Tanxil.

Paseo de Tanxil

Tanxil configúrase como un espazo que aínda garda a forma e o sabor de principios de século. Presidido polo Pazo de Baltar e o pequeño e antigo porto, continúa cunha extensa e ben equipada praia, dotada de tódolos servizos necesarios para o baño, onde, ademais do lecer e esparcemento que permite o mar, poderemos disfrutar dunha excepcional vista da Ría de Arousa, enmarcada polos montes pontevedreses e a Serra do Barbanza.

Contacte coa Parrillada Ourense

Contacte connosco para reservar unha mesa ou para solicitar máis información.